Os asasinatos sucédense nesta capital libia que ofrece heroica resistencia. Ao mesmo tempo, estannos preparando para que aceitemos unha nova invasión: a de Siria.
Isto é como unha película de crimes, na que Sirte, a vella cidade libia onde se fundou a Unión Africana e naceu Gadafi, aparece como a vítima procurada que, apuñalada unha e outra vez, se resiste a morrer. O sangue salpica aos asasinos, e teñen os pulsos doridos polos esforzo das puñaladas. Desesperados, míranse uns aos outros como preguntando que terán que facer para que a vítima morra dunha vez.
Os mercenarios capitaneados pola OTAN deran xa varias veces a noticia da toma de Sirte. Chegaran en flamantes avións ao país africano os asasinos máis directos, os presidentes francés e inglés, agarradiños da man, para anunciar a toma de posesión dun territorio que levaban bombardeando desde había meses, e para deixar claro que os cartos do goberno lexítimo de Libia xa se lles ían repartir aos que eles chaman rebeldes (a loita por posuílos levábaa fundamentalmente o goberno norteamericano nesas peliculeiras sesións da ONU, con protesta da Unión Africana, e á fin parte desa enorme cantidade repartiuse entre as empresas e intermediarios do petróleo).
Chegaría tamén a esa toma de posesión ao estilo Colón, pero desde a crenza musulmá, o primeiro ministro turco, que acudiu algo tarde, pois adiantáranselle os occidentais, máis espelidos e coa postura arrogante do chourizo que domina desde as armas a invasión. O Erdogan, á fin, ía a Libia para deixar clara outra cousa: que o país sería, coa súa toma, musulmán, afirmación que o presidente do Consello Nacional de Transición deixou máis concretada: Na nova Libia lexislarase co Islam. Vaia, ho, e nós pensando en que a gloriosa democracia que os occidentais levaban a ese país do tirano tiranísimo, tiña como condición o laicismo liberador. Pero non, agora iso é pecata minuta. A Turquía que se cargou a principios do s. XX a case 2 millóns de armenios e segue aínda cunha cruzada inacabábel contra o tamén resistente pobo curdo, aínda se atreve a dar leccións. É un país oficialmente laico desde Ataturk, pero na práctica musulmán por querer imitar mimeticamente a Occidente, historia, esta, na que sería interesante entrar para entender sen dúbidas o conflito relixioso de Oriente-Occidente.
A Libia que a OTAN quere liberar tiña a esperanza de vida máis alta de África continental (75 anos); o PIB máis alto dese continente; o índice de desenvolvemento humano superior; a educación ou a sanidade gratuítas; a taxa de desemprego, cero; menos do 5% da poboación na pobreza... Vamos, que nós, hoxe e aquí, superámola en todo.
E mentres as bombas seguen a caer en Libia, os do CNT andan a paus para poñerse de acordo no próximo goberno e no programa a levar; Arabia Saudí anuncia como un paso revolucionario a estas alturas que as súas mulleres xa poderán conducir vehículos e votar nas eleccións municipais; e Palestina non poderá acadar a condición de Estado porque llo negan os pistoleiros ianquis e os seus amigos europeos; e a ONU segue sen obrigar aos sionistas a que cumpran as súas resolucións sobre os territorios palestinos; e o Sahara segue sen o referendo aprobado hai ben anos e obviado polos marroquís, aos que tanto queren Zapatero e a ministra de Asuntos Exteriores, que en paz descansen; e Irak, Irán, Afganistán... continúan desangrándose pola guerra civil que deixaron a perpetuidade os bárbaros invasores do Oeste; e... e o mundo, desde a desaparición do Pacto de Varsovia, está convertido nun auténtico volcán en plena erupción... Sirte, como símbolo da resistencia fronte ao invasor, defende os seus homes, mulleres e nenos coa valentía da heroína, para deixar claro que aínda así a dignidade e o orgullo, hoxe, parece ser que xa son só patrimonio do invadido.
O que está a ocorrer en Libia é un aviso para a outra rebelde de Oriente: Siria. As deformacións e manipulacións sobre o que acontece alí estannos preparando para a invasión. Falamos dun país, tamén, que destaca nun mellor nivel de vida que a maioría dos do seu contorno. E que non se somete aos ditados dos EE.UU. e os seus aliados europeos. A dependencia colonial deste país significaría que os bárbaros do Oeste quedarían xa como amos absolutos de Oriente Medio e nun ambiente internacional de catástrofes e abusos, de invasións e inxustizas, de dictadura do grande capital internacionalizado. A batalla social internacional contra a invasión en Libia, de habela, aínda sendo humilde, afastaría o atrevemento do imperialismo para entrar a saco en Siria neste momento. Non se atreverían. Por iso, tal como van as cousas, e ante o silencio de todo o mundo e do que nós temos máis perto, Europa, póñome a tremer polo que nos próximos meses pode pasar. Os silencios, insisto, insistirei sempre até o último esforzo, tan vergoñentos e torpes, van levar a unha situación que tamén nós sufriremos en carne propia, porque nen institucións nen partidos do ámbito estatal europeo, tan preocupados polo que aquí pasa, se preocupan dos tanques e avións que as potencias imperialistas manexan agora ao seu antollo e sen freo social de nengún tipo. Para que queremos organismos internacionais se están controlados polos invasores?
Só algunha noticia alivia os nosos temores: a denuncia desa manipulación de occidente sobre a muller siria que Amnistía Internacional deu como asasinada cruelmente (decapitada, mutilada e esfolada) pola policía siria, como exemplo desa continua mentira nos medios de comunicación occidentais; e coa decisión de Rusia e China de non apoiar as novas sancións das Nacións Unidas contra Siria. As cousas, por parte mesmo dos e das que se consideran antiimperialistas, están tan debilitadas e caladas que un case se sente extraterrestre. E non sería bo que acabaramos na conclusión de que non podemos facer nada. Cando unha persoa quere mover unha montaña, se loita e está convencida, rematará movéndoa. Mais se se deixa ir, a montaña seguirá aí, como un muro de incomunicación que indubidabelmente vai retrasar a evolución da historia. A daqueles aos que se lles impide e á nosa propia.